> SECUNDARIA
O Premio Luis Freire naceu coa finalidade de espertar entre os estudantes de secundaria en Galicia o interese pola ciencia, invitándolles a formular preguntas ás que puidesen dar resposta mediante a experimentación ou o traballo de campo. Esta modalidade, a máis antiga do certame, premiou ao longo de todos estes anos investigacións sobre cuestións moi orixinais, desenvolvidas de forma brillante.
¿PÓDESE RESUCITAR INSECTOS?
Este é o título da investigación que se alzou co primeiro premio na modalidade de secundaria nesta última edición, presentada por tres alumnas do IES Lagoa de Antela: Antía Quintas, Arianna Alonso e Azahar Casas. O xurado destacou do seu traballo a curiosidade e valentía para afrontar o estudo dun suceso natural da súa contorna.
Foi por mor dunha anécdota sucedida durante unha voda á que asistira unha das autoras, cando se plantearon investigar se unha mosca, ou outros insectos, podía resucitar despois de mergullala nun líquido. Para comezar, documentáronse e acharon diversas referencias, algunhas de escritos da antiga Grecia, que falaban da capacidade das moscas de renacer.
No seu traballo, que demostrou laboriosidade e constancia, empregaron moscas que elas mesmas criaron, así como grilos e insectos pau, que mergullaron en auga durante varios intervalos de tempo, e despois secáronos utilizando diversos materiais, como cinza, sal, serraduras, arroz ou silicaxel. A conclusión principal é que os insectos obxecto do seu estudo podían revivir tras un tempo máximo de inmersión en auga de 21 horas, probablemente por permanecer durante ese tempo nunha especie de letargo.
CURIOSIDADE POLA CONTORNA
O segundo posto nesta categoría de investigacións na ESO foi para tres estudantes do CPI Poeta Uxío Novoneyra, de Folgoso do Courel, que realizaron un traballo sobre o éxito da polinización de tres especies de orquídeas que crecen no Courel. Amanda Arza, María Locay e Lluis Castro desprazáronse á montaña, a unha zona a 1.000 metros de altitude, e contaron as flores de cada unha das plantas, así como cantas destas flores se converteron posteriormente en froitos. Os seus resultados, que mostraron diferenzas entre o éxito de polinización das tres especies, concordaron cos doutros estudos sobre estas orquídeas en Europa occidental.
En terceiro lugar, pero non menos meritorio, quedou clasificado o estudo que quixo determinar se é diferente a resposta ás ilusións ópticas en mozos e mozas. Estela Aradas, Zuriñe Pérez e Claudia Santos, do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, concluíron, tras mostrar diferentes ilusións visuais a unha selección de persoas, que as mulleres as ven mellor que os homes.
A imaxe mostra unha cubeta onde as alumnas criaron as moscas