La Voz de Galicia (Santiago) - El Comarcal Santiago

«Sen o muíño non teño quen veña onda min»

Jesús Montero mantén funcionand­o en Melide os muíños de auga que o seu tataravó levantou en 1867

-

[NATALIA NOGUEROL] Jesús Montero é galego, galego. Incansable traballado­r, de intelixent­e retranca, e de apego maternal ás súas orixes. Enraizaron, entre carballos e ameneiros, á beira dun río, fonte de enerxía limpa dos muíños nos que este veciño de Melide de case 86 anos aínda dobra o lombo, mantendo con vida un vello oficio do que, fóra da tradición oral, pouca pegada queda, ou poder quedar, máis ca el. Montero segue choiando nos centenario­s muíños da familia do mesmo xeito que o facía cando era cativo. «Son muiñeiro dende que nacín», conta o custodio dun conxunto de extraordin­ario valor etnográfic­o e patrimonia­l, localizado no lugar de Trasmundi.

Os dous muíños —un para o trigo, e outro para o millo— seguen a funcionar como cando Antonio Varela Espiño os levantou hai máis de século e medio. Era o tataravó de Jesús, que conserva o ferrado de madeira no que se gravou o ano ao que se remonta a primeira moenda. Foi no 1867. Dende aquela, os muíños de Trasmundi transforma­n o cereal coa forza da auga que lle presta o río Catasol, un afluente do Furelos no que chegaron a funcionar, canda menos, vinte e catro muíños; «moitos, pero pararon todos», conta un sobreviven­te que non cesa no empeño de continuar porque, di, «distráiome máis moendo ca sen moer; sen o muíño non teño quen veña onda min, que agora veciños non hai».

Noutro tempo, cando o cobro polo traballo era unha proporción da fariña moída —a maquía—, «ten funcionado todo o día, e toda a noite», pero hoxe «moer é pasar o tempo para non ganar nada», di. E ilústrao. Un ferrado, que en Melide son dezaseis quilos, «non me dá para comer unha ración de polbo». Ao muiñeiro de Trasmundi manterse activo satisfaill­e a necesidade que ten de recibir xente na casa, onde vive coa súa muller e están, a diario, as súas fillas. As ansiadas visitas chéganlle de panadeiros de toda a contorna de Melide: de Palas de Rei, Monterroso, Vila de Cruces, Arzúa, Vilasantar... E tamén de particular­es. «Aínda moio algún millo para facer as papas», conta.

Non ten relevo. «Quen se vai poñer ao cargo, o muíño non dá ganancia, dá empeño», di. Aínda hai poucos anos que lle cambio a moa ao de trigo, «pero non para mellor, dáme máis traballo co que daba a outra». A pedra vella, que veu de Francia, «era de chispa», apunta. A de agora, que mercou en Portugal, «é moi branda», o que lle obriga a ter que picar a moa do muíño con máis frecuencia para que manteña o relevo preciso para moer o gran. Pese ao traballo, Jesús sube e baixa as veces que faga falta a costa que leva aos vellos muíños. «Non me importa que veña xente a velos, e non teño inconvenie­nte ningún en explicarll­es como funcionan», di. É galego, moi galego. Hospitalar­io.

 ??  ??
 ?? [SANDRA ALONSO / ABEANCOS.GAL] ?? Os dous muíños, un para o trigo e outro para o millo, seguen a funcionar como cando Antonio Varela Espiño os levantou hai máis de século e medio. Era o tataravó de Jesús Montero, que conserva o ferrado de madeira no que se gravou o ano ao que se remonta a primeira moenda. Foi no 1867
[SANDRA ALONSO / ABEANCOS.GAL] Os dous muíños, un para o trigo e outro para o millo, seguen a funcionar como cando Antonio Varela Espiño os levantou hai máis de século e medio. Era o tataravó de Jesús Montero, que conserva o ferrado de madeira no que se gravou o ano ao que se remonta a primeira moenda. Foi no 1867

Newspapers in Spanish

Newspapers from Spain