La Voz de Galicia (Santiago) - El Comarcal Santiago

A «fiandeira das verbas» asina o seu segundo libro

María Luisa Pereiro alza a voz polas mulleres contra o maltrato machista e para reivindica­r o seu papel no rural

-

[NATALIA NOGUEROL] María Luisa Pereiro é máis amiga do verbo facer cá do ser. «Síntome escritora cando escribo, nai cando estou con meu neno, e amiga cando estou cunha amiga... as persoas non somos a profesión á que nos dedicamos. Non me gusta que nos cualifique­n», defende esta veciña de Melide, que fía tan ben as verbas como as puntadas das que fixo oficio cando con 15 anos empezou a traballar como modista. Pero o escribir é nela aínda máis prematuro có coser. Faino dende nena como vía de escape para xestionar emocións. «Ao principio facíao en forma de diario [...]. Máis tarde decanteime pola poesía, chamábame a atención a rima, e ese fondo tan máxico e peculiar que ten a lírica», conta a melidense na súa autobiogra­fía en «A.M.A. En esencia», a publicació­n que asina xunto coas taboadesas Ana Vila Portomeñe, «a poeta labrega», e Ana Isabel Rey.

A achega de Pereiro á publicació­n conxunta, tamén editada polas tres autoras, está composta por poesías —e tamén algún que outro relato curto— nas que alza a voz polas mulleres contra o maltrato machista, e para reivindica­r o determinan­te papel que desempeñan no rural. A pandemia e as inxustizas tamén inspiraron versos da escritora melidá, que amosa a alma espida nunha obra con, así mesmo, poemas intimistas que son cantos á súa avoa e á súa nai. A ela débelle á vida, e tamén o volver refuxiarse na escritura, que «me axudou, e segue axudando a pasar o duelo», confesa. Ana Vila, Ana Isabel Rey e María Luisa Pereiro botaron man das súas iniciais para o título de «tres libros nun», como di a poeta de Melide dunha publicació­n coa que as tres queren desfacerse do peso da «lousa enriba que é ser muller, de clase traballado­ra e do rural».

«A.M.A. En esencia», do que se editaron douscentos exemplares que están á venda nas librarías locais, non é o primeiro libro de poemas de María Luisa Pereiro. No 2019, a escritora melidá fixo coincidir a festividad­e de Santa Lucía, patroa das modistas, coa presentaci­ón de «Fiando nas letras», o seu primeiro poemario. Escrito integramen­te en galego, a publicació­n, tamén de edición propia, adapta o nome de «A fiandeira das verbas», o pseudónimo co que se presentou e resultou distinguid­a nun certame literario en Santiso.

 ??  ?? María Luisa Pereiro
María Luisa Pereiro

Newspapers in Spanish

Newspapers from Spain