La Voz de Galicia (Santiago) - El Comarcal Santiago

«Non tes un fillo pola axuda, pero é benvida»

Rois gratifica con 600 euros a natalidade nas familias empadroada­s, como a de Noelia Pan e José Souto

-

[UXÍA LÓPEZ] Rois é dos poucos concellos galegos que teñen axudas directas á natalidade, creadas hai vinte anos para tratar de frear a perda de poboación. A axuda consiste nun pago de 600 euros aos pais empadroado­s no municipio, de modo que o Concello abona 300 no momento do nacemento do fillo e o resto ao ano, sempre e cando a familia siga empadroada.

Unha das últimas beneficiar­ias desta axuda é a familia do lugar de A Pontenova que forman Noelia Pan Busto, de 33 anos e José Souto del Río, de 35, cos seus fillos Valentina, que cumprirá 4 anos en marzo e Nicolás, un bebé nado no mes de agosto.

«A axuda é unha marabilla», conta encantada a nai, que engade que «poucos pais poden dicir que a cobran; eu falo con amigos e xa me din que se van vir empadroar a Rois para poder ter esa axuda». Nesta liña asegura que «un non ten fillos por recibir eses cartos pero, xa que chos dan, son benvidos», sinala Noelia Pan.

«Un bebé trae moitos gastos e outros concellos tamén deberían facer o mesmo e dar esa axuda», opina a veciña de Rois, que di que se conforma coa cantidade de 600 euros. «Tampouco se pode ser avaricioso», afirma entre risas.

Ademais, esta familia usa os recursos de Rois para conciliar, tendo en conta que ámbolos dous traballan no taller de automóbile­s Sportcars, que rexentan en Padrón. Deste xeito, o bebé está matriculad­o na escola infantil do concello, que pertence á rede autonómica da Galiña Azul, como así o estivo xa a súa irmá maior, que agora é alumna do colexio de Os Dices, moi pretiño da casa familiar que construíu a parella no lugar de A Pontenova.

«Quedei moi contenta da escola municipal cando levei á nena e por iso o levei ao irmá tamén», explica a veciña de Rois, que recoñece que tivo medo de que non tivera praza para o seu fillo xa que o centro infantil de Rois ten moita demanda. De feito, ampliar as prazas é un dos obxectivos do Concello.

«Ofrecéronm­e ir a escola de Dodro, pero a de Rois quédame máis preto e mesmo poden ir a recoller o neno meus pais ou meus sogros», afirma. Noelia Pan tamén destaca as actividade­s que oferta o Concello para os nenos. Fala, por exemplo, de que a súa filla asiste a clases de Música e Inglés, organizada­s dentro da programaci­ón municipal. «Non en moitos sitios hai todo o que hai en Rois», asegura esta nai toda contenta.

As axudas á natalidade foron creadas no ano 2002, cando gobernaba Enrique Tojo, pai do actual alcalde de Rois. Naceron coa idea de frear a sangría demográfic­a, pero o certo é que non o lograron aínda que, como di Noelia Pan, son moi ben recibidas.

 ?? [PACO RODRÍGUEZ] ?? Noelia e José recibiron a axuda á natalidade de Rois polo nacemento dos seus fillos
[PACO RODRÍGUEZ] Noelia e José recibiron a axuda á natalidade de Rois polo nacemento dos seus fillos

Newspapers in Spanish

Newspapers from Spain