La Voz de Galicia (Santiago) - El Comarcal Santiago
«A concentración e o cooperativismo marcaron a evolución de Barcala»
X. Amancio Liñares Giraut destaca a importancia de reforzar o turismo
[emilio forján] Ninguén mellor para explicar a comarca de Barcala, que X. Amancio Liñares Giraut, catedrático de Historia de instituto, historiador e escritor, quen sitúa o comezo da evolución económica e social a finais da década de 1950 con dous factores diferenciadores: concentración parcelaria e cooperativismo.
Todo comeza coa primeira concentración parcelaria de España e a creación das cooperativas parroquiais, así como a primeira axencia de Extensión Agraria a nivel nacional. Superada aquela primeira etapa, conta Amancio, chegaría unha segunda, datada a finais dos anos sesenta: «O nacemento da cooperativa Feiraco, que colleu a moitos profesionais ligados a aquelas primeiras cooperativas parroquiais para fundar unha gran cooperativa que foi todo un referente en Galicia, baixo o liderado de Jesús García Calvo», afirma. Co nacemento de Feiraco en 1968 prodúcese o take off [termo acuñado polo economista norteamericano Walt Rostow], o momento do despegue.
Un segundo factor clave para entender a evolución económica e social de Negreira e comarca, atopámolo na emigración. «Grazas ás remesas de cartos, o capital é investido na modernización das vivendas, compra de maquinaria e chega unha xeración de xóvenes que por primeira vez accede a estudos universitarios», subraia Amancio, quen sinala a un primeiro movemento migratorio a Venezuela, e despois, a Europa con Suíza,
Alemaña, Inglaterra ou Francia coma destinos. Á par que a emigración «os negocios foron crecendo co retorno, á vez que construían edificios para baixos comerciais e vivendas. Non somos moi orixinais con respecto a outras comarcas nas que sucedeu o mesmo», recalca.
Coa transición democrática tras a ditadura, a capital barcalesa convértese nunha vila de servizos: «Negreira recupera o seu Xulgado
de Primeira Instancia, créase un centro de saúde, un instituto de ensinanza media, e a vila convértese nun referente en canto a instalacións deportivas coma o pavillón e pistas de tenis, e tamén no eido cultural coa Casa da Cultura», amén de que comezan a mellorarse as vías de comunicación e un momento clave, coa entrada en funcionamento do novo viaduto sobre o río Tambre e maila variante.
Amancio Liñares sitúa outro piar importante a partir de 1993. «Aquel Xacobeo foi tamén o do despegue do Camiño de Fisterra e Muxía. Créanse albergues e a hostalería vese reforzada, pois Negreira convértese nun lugar cosmopolita coa chegada de xente de múltiples nacionalidades», salienta Amancio Liñares, quen precisamente sitúa o futuro en reforzar o sector turístico, e «hai que termar do pazo do Cotón, buscando as fórmulas axeitadas», remata.