La Voz de Galicia (Santiago) - El Comarcal Santiago
Boqueixón é a sede dunha escola de carreiras de montaña
É gratuíta, participan case 30 rapaces de 6 a 16 anos e aspira a manterse no tempo
[uxía lópez] Boqueixón, e máis concretamente o pavillón polideportivo de Lestedo, é a sede dunha das catro escolas de carreiras de montaña que, dende o pasado mes e ata novembro, ten en marcha a Federación Galega de Montañismo, grazas a un convenio coa Secretaría Xeral para o Deporte no marco do programa Corresponsables do Ministerio de Igualdade. A iniciativa conta co apoio dos Concellos de Boqueixón e Vedra.
No primeiro deles son 29 os nenos apuntados, con idades comprendidas entre os 6 e 16 anos.
A actividade é gratuíta e da súa organización encárgase o Club de Carreiras de Montaña Vértice, que aspira a darlle continuidade ao proxecto para facer desta escola unha proposta estable e permanente.
Os nenos están organizados por distintas idades, pero o espírito e os valores da actividade son os mesmos: respecto á natureza, compañeirismo e vida saudable, tal e como explican dende o CDM Vértice.
A actividade tamén está orientada á diversión e ao pracer de xogar. Así, a través dos xogos, os nenos aprenden a técnica de carreiras por montaña; coñecen os diversos terreos cos que se poden atopar no monte e como aplicar a técnica de carreira a cada un deles. Tamén practican xogos para mellorar a condición física e para coidar o medio ambiente. Ademais,
introdúcense no mundo da orientación, coa lectura básica de mapas a través de buscas do tesouro. E, xa por último, adquiren nocións básicas de nutrición.
Para todo iso, a actividade conta cun espazo incomparable: o monte Pico Sacro, un lugar de moito interese e que dá moito xogo, segundo din dende o club. A escola está dirixida por Verónica Calvo Dopazo, actual seleccionadora galega de carreiras por montaña e directora do programa de tecnificación desta disciplina na FGM. Tamén é membro do club.