La Voz de Galicia (Santiago) - El Comarcal Santiago

As Brañas de Laíño, en Dodro, volven a ter un uso gandeiro

As vacas de carne do veciño Miguel ríos pastan e manteñen limpos terreos que estaban abandonado­s á beira e no entorno do río ulla

-

[UXÍA LÓPEZ] As Brañas de Laíño, en Dodro, volven a ter un uso gandeiro grazas á iniciativa do veciño da aldea de Vigo Miguel Ríos Freirías, de 42 anos. Neto de tratante, a Míchel, como é máis coñecido, sempre lle gustaron os animais e traballar ao aire libre. Hai seis anos mercou a primeira vaca; despois outras tres e así sucesivame­nte ata ter 24 na actualidad­e, xunto cun toro e 14 becerros, nunha explotació­n extensiva de carne da que é titular.

Está adherido á Indicación Xeográfica Protexida Tenreira Galega e a de Boi e Vaca Galegos e os seus animais están axudando a recuperar parte dun espazo ata o de agora totalmente abandonado: as Brañas de Laíño e o seu entorno.

Pastan nunhas 30 hectáreas de terreo, ao que hai que sumar máis para cultivo de millo e herba, na inmensa maioría cedido por veciños que deixaron de traballalo dende que a Lei de Costas lles limitou os usos e mesmo a titularida­de sobre os mesmos.

Agora, as vacas de Míchel pastan na zona e mesmo chegan ata o río Ulla, no que beben. «Eu limpei moito, sobre todo o silveiral, pero as vacas limparon moito máis e manteñen todo limpo», conta o gandeiro. Este reclama que lle permitan limpar máis terreo ou que o limpen e, sobre todo, que se abran os gabias para evitar que a zona se inunde de modo que se lle poida sacar máis proveito no inverno.

«Se puidera limpar máis terreo, aumentaría o número de animais», asegura o veciño de Dodro, quen fala de que, ata a chegada das vacas, a zona «era unha selva, chea de alimañas, incluído o porco bravo que é unha peste», di. «É penoso como está a zona; pensaron que a protección ecoloxista era a solución e agora danse conta de que foi todo o contrario, que propiciou o abandono», opina. As súas vacas son de carne e pastan nunha zona que antano foi a maior despensa de herba da comarca para animais de leite, ata o punto de que en Laíño se fundou unha das primeiras cooperativ­as leiteiras de Galicia.

Tamén destacou polos bois cebóns, algo que quere recuperar Míchel. «Oxalá houbera máis xente que quixera ter animais e manter todo isto limpo; eu anímoos aínda que o momento non é o mellor polos baixos prezos da carne e os altos dos pensos, pero isto terá que cambiar».

Ver as súas vacas pastando dende a estrada leva a moitos a pensar en tempos pasados, de esplendor das brañas, cando todo eran campías e pradarías, na vez do actual matorral.

«Se deixaran limpar dende a ponte do río San Lufo, en Vigo, ata a recta de Laíño, poderían terse uns 100 animais», di antes de engadir que dende a ponte do río ata Cancela Abrea hai outra «extensión de terreo moi grande para aproveitar».

Nos últimos tempos, o Concello ten constancia de que Costas se abre a buscar un aproveitam­ento sostible das Brañas, de modo respectuos­o co medio e a súa condición de Rede Natura e a actividade en extensivo de Míchel podería ser unha delas.

 ?? [paco rodríguez] ?? O gandeiro Míchel Ríos axuda a manter as Brañas de Laíño, espazo de gran valor ecolóxico
[paco rodríguez] O gandeiro Míchel Ríos axuda a manter as Brañas de Laíño, espazo de gran valor ecolóxico

Newspapers in Spanish

Newspapers from Spain