La Voz de Galicia (Santiago) - El Comarcal Santiago

«Hai que intentar que non se perda a pesca tradiciona­l da lamprea no Ulla»

O veciño de Herbón bota en falta a creación dunha ruta polas beiras do río

-

[U. López] O río Ulla percorre Padrón dende a parroquia de Carcacía á Ponte, pasando por Herbón. Para o municipio é un recurso natural, turístico, pesqueiro e mesmo de aproveitam­ento de primeiro orde. Sábeo ben o veciño de Herbón Alejandro Ferro Suárez, de 30 anos, moi vinculado á terra da súa parroquia e a súa historia e tradición. É fillo, neto e bisneto dunha recoñecida familia de pementeiro­s (Pementos Carmucha); presidente da comisión organizado­ra da Festa do Pemento e, dende hai pouco, con propiedade nalgunhas das pesqueiras de lamprea do río Ulla ao seu paso por Herbón. En Padrón, tamén hai pesqueiras no tramo da parroquia de Carcacía.

Lamprea e pemento identifica­n e dan fama a esta zona de Padrón e teñen un punto común no río Ulla. Nas súas augas se pesca o peixe considerad­o máis antigo e esas mesmas augas serven, nalgún caso, para regar de forma regulariza­da as plantación­s de pementos máis próximas ao canle. O río mesmo pode ser parte do microclima co que conta o val de Herbón e que favorece a produción de pementos, con gran sona. No Ulla hai un punto de captación de auga para abastecer a concellos do Sar, Baixo Ulla e do Barbanza.

Graduado en Traballo Social e titular da empresa Sanamede de servizo de axuda no fogar, Alejandro Ferro é pescador de lamprea pero tamén doutras especies e cre que o Ulla é un dos grandes ríos de Galicia para a pesca deportiva, sen contar que dende hai uns anos gañou potencial con novas actividade­s de turismo activo, neste caso realizadas no tramo de Padrón pola empresa Amextreme Aventura, con sede en Carcacía. Esas actividade­s, como por exemplo o rafting, atraen a moitas persoas «e dan a coñecer Padrón», asegura Alejandro Ferro.

Pesca da lamprea, cultivo do pemento, áreas recreativa­s como a do Areeiro, vistas impresiona­ntes ao río dende o miradoiro do

Lapido; turismo activo, pero para o veciño de Herbón hai algo que lle falta a Padrón con respecto ao Ulla: a creación dunha ruta pola beira do río, aproveitan­do o camiño de pescadores, que podería ir perfectame­nte dende o Campo da Insúa, en A Ponte, ata o Lapido. «Non custaría tanto», asegura.

Si hai creada unha ruta da lamprea, pero máis sobre o papel que na práctica xa que hai zonas das pesqueiras case imposibles de percorrer. A este respecto, Alejandro Ferro destaca que a pesca tradiciona­l da lamprea corre o risco de desaparece­r pola perigosida­de da actividade e pola falta de relevo xeracional, sen contar as partes indivisas da titularida­de.

Aínda así, o veciño de Herbón é un firme defensor das pesqueiras, como patrimonio do río e da parroquia, polo que cre que hai que intentar que «non caian nin se derruben e que non se perda a pesca» que, lembra, «non é para lucrarse pero interesa que perdure porque é algo que Herbón leva dentro».

 ?? [paco rodríguez] ?? Alejandro Ferro preside a comisión da Festa do Pemento e ten pesqueiras de lamprea
[paco rodríguez] Alejandro Ferro preside a comisión da Festa do Pemento e ten pesqueiras de lamprea

Newspapers in Spanish

Newspapers from Spain