La Voz de Galicia (Santiago) - El Comarcal Santiago

«Empecei a pescar salmón no río Ulla cando tiña 20 anos»

José luis Mirás, de recesende, colleu o segundo exemplar da tempada o día 5

-

[o. p.] José Luis Mirás (Calo, 1963) aínda garda a súa primeira licenza de pesca do ano 1975, cun custe de 40 pesetas (0,24 euros): «Fun pescador desde neno. Ía á troita, en ríos pequenos, como o Tinto, que pasa por Pedreira e Calo. Pescaba á miñoca, e para a cana iamos ás caniveiras, pero deseguida torcían como caracolas. Como meu pai era construtor, eu atábaas aos ferros e deixábaas así un ano, para que quedaran dereitiñas». Mirás admite que collía algunhas troitas porque había moita pesca, pero aínda estaba aprendendo.

De mozo, xa foi a ríos máis grandes, como o Xallas e o Tambre. E cara os 20 anos dou o salto ao río Ulla, «con Tino Lopo, de Osebe, que foi o meu mestre e con quen pesquei 35 anos (el agora xa non vai). Meteume no salmón» e quedou enganchado. E iso que tardou dous anos en facer capturas: «Os primeiros caeron no Xirimbao. Collín un nun sábado, e outro o domingo, de case 7 quilos, que vendín a Cierto Blanco».

Mirás saltou do Ulla a outros ríos salmoneiro­s do norte: do Nalón ao Narcea, Sella, Eo ou Miño. E aquel rapaz troiteiro do Tinto pasou a ser un experto pescador que non perde as mañas. O domingo día 5 capturou en Ximonde o segundo salmón da tempada no Ulla, de 4,3 quilos e que pescou a cebo natural nas correntes de Reboredo; catro días antes, no Nalón, collera outro de 5,8 quilos. O pescador, agora veciño de Recesende, ten claro que para coller ao rei do río «hai que ter bastante paciencia, ser algo astuto, e coñecer moito os ríos e os cotos. Se non, non é fácil pescalo, aínda que poidas coller un de carambola». El, a base de anos e anos, xa vai por inercia ao mellores postos: o premio degústase na casa, e nada ten que ver co importado: «Ten unha carne máis compacta, outra textura, cun rosado moito máis intenso e moito máis sabor, sen tanta graxa».

O Ulla leva cinco tempadas con poucas capturas: «Esta para min foi boa, pero é das peores que recordo. Quero pensar que pasan factura os últimos encoros feitos en Touro». A pesca do salmón propicia un turismo de pescadores que se achegan de toda Galicia, Asturias e Cantabria, sinala.

«para collelos hai que ter bastante paciencia, ser algo astuto e coñecer os cotos»

 ?? [sandra alonso] ?? Mirás confesa que a pesca do salmón enganchoun­o
[sandra alonso] Mirás confesa que a pesca do salmón enganchoun­o

Newspapers in Spanish

Newspapers from Spain