La Voz de Galicia (Santiago) - El Comarcal Santiago

Un percorrido polo pasado de Vedra

O concello esconde miradoiros, entornos naturais e xoias arquitectó­nicas para todos os gustos

-

[LUCÍA BLANCO] Aínda que unha única xornada non é suficiente para achegarse a todo o encanto que caracteriz­a o concello de Vedra, pode ser suficiente para coñecer algún dos segredos que esconde, moitos deles con varios séculos de vida. O Pazo de Ortigueira, declarado Ben de Interese Cultural dende o 2001, é unha das visitas imprescind­ibles. Ademais do seu estilo arquitectó­nico, e de ser un gran exemplo da tradiciona­l construció­n señorial galega, destaca polos seus xardíns ornamentai­s, que se atopan entre os máis importante­s da comunidade.

Desfrutar do son da auga que cae no regato do Castilán, pasear entre as camelias ou identifica­r as 14 variedades de árbores senlleiras que se sitúan na súa contorna son algúns dos seus atractivos. O conxunto histórico de Ponte Ulla é outra das paradas obrigatori­as. Nela atópase o popular miradoiro da ponte de Gundián, construció­n dos anos 50 que supuxo todo un reto para a época debido á presenza do salto de San Xoán da Cova, onde o río forma un estreito cunha caída de máis de 100 metros de altura. Aínda que os viadutos son o sinal de identidade da parroquia, un paseo pola rúa principal tamén traslada aos visitantes á historia do lugar. Concretame­nte, ao século XII, cando os peregrinos procedente­s da Vía da

Prata chegaban á vila esgotados, en busca de descanso na igrexa de Santa María Madalena. O templo románico goza dun moi bo estado de conservaci­ón pois, a día de hoxe, conserva a ábsida e os contrafort­es orixinais, así como frescos do século XVI no seu interior.

A capela de Gundián, á que se accede tras cruzar a Ponte Vella, é outro dos tesouros que alberga a parroquia bañada polo río Ulla. Segundo a tradición, os máis pequenos débense lavar nas augas da súa fonte e deixarlle a súa roupa como ofrenda á virxe para curalos. Precisamen­te para os máis cativos, a visita á área de interpreta­ción dos muíños de Vedra é outra das opcións. A ruta de dous quilómetro­s, na que se amosa o funcioname­nto dos muíños de canle, é perfecta para achegarse aos costumes da zona en familia.

 ?? [Paco rodríguez] ?? O miradoiro de Gundián, na parroquia de Ponte Ulla, é un dos máis populares do concello.
[Paco rodríguez] O miradoiro de Gundián, na parroquia de Ponte Ulla, é un dos máis populares do concello.

Newspapers in Spanish

Newspapers from Spain