La Voz de Galicia (Santiago) - El Comarcal Santiago

Rosalía Morlán, a poetisa de Trazo

A escritora sinala que o seu concello natal está presente en toda a súa obra

-

«Eu non sería quen son de non ter nacido na aldea, coa que nunca perdín o contacto»

[O. P. ARCA] Rosalía Morlán, coma o Balbino de Neira Vilas, foi unha rapaza de aldea. De Vilariño, en Trazo, de onde era seu pai, e tamén de Vilouchada, a terra da súa nai. De alí saíu a familia para afincarse en Santiago cando ela tiña seis anos, e ela foi a nena de aldea que rapidament­e traducía o seu galego pechado ao castelán para evitar a vara da súa mestra en Conxo: aínda lembra cando evitou dicir botella na clase «porque me parecía un pouco bruto e dixen boteja, pero ríronse igual de min». Rosalía segue levando a aldea nela: «Nacín alí e crieime alí ata os seis anos, non dou escapado dela. Eu non escribiría como escribo nin sería quen son de non ter nacido na aldea. Sentín moito cando tivemos que marchar de alí. O único que me contentaba era que xa non ía usar máis os zocos, que ía poñer zapatos».

Mantivo sempre o contacto, sobre todo coa parroquia de súa nai: «Pasei os veráns, e vivín moito o mundo rural, as mallas e todos os traballos do campo cos meus curmáns de Vilouchada». Non é de estrañar que Trazo estea presente en toda a súa obra, que abrangue oito libros de poesía, xunto a outras colaboraci­óns, algunha obra de teatro e un conto para un colectivo de autismo dezao que en breve se publicará. A súa conexión permanente con Trazo cobrou maior visibilida­de pública

en setembro do 2022, cando foi como tantas veces á festa do San Mateo de Vilouchada, pero desa volta como pregoeira: «Cando mo pediron, estremecín­me. Foi impresiona­nte, un día incrible. Fixen o pregón desde a alma, porque San Mateo e Santa Eufemia son dúas festas moi grandes en Trazo ás que sempre íamos cos meus pais».

Tamén protagoniz­ou na parroquia un recital xunto a Manoele de Felisa, que musicou os seus poemas no libro-cedé Canta a lúa coas estrelas, que recompilab­a parte da súa produción literaria. Aínda lembra o seu primeiro poema, aos 10 anos, nun colexio Divino Maestro do que garda un fantástico recordo, tamén pola axuda que lle prestou a priora para acadar unha beca que lle permitiu estudar o bacharelat­o no Rosalía de Castro e cursar logo Enfermería, a súa outra gran paixón.

Con 18 anos publicaría por vez primeira nunha antoloxía de poetas noveis dunha editorial vasca, e viría logo unha obra salpicada de premios coa que dou saída á necesidade que sentiu sempre de escribir, coa ollada da nena de Trazo agradecida a unha vida na que «sempre dei con xente boa».

 ?? [J. LOMBA] ?? Rosalía Morlán (esquerda) no pregón da festa de San Mateo
[J. LOMBA] Rosalía Morlán (esquerda) no pregón da festa de San Mateo

Newspapers in Spanish

Newspapers from Spain