La Voz de Galicia (Monforte) - La Voz de Galicia (Monforte) - Especial3
«Hai máis dun século sabíase de onde viña a xente pola vestimenta»
Áhistoria dun pobo pode chegarse a través de panos, fíos e teares, a través de saias, lenzas e mandís. O traxe tradicional galego ten moito que dicir de quen o levou e moita luz que arroxar sobre o pasado e o presente de Galicia. Unha lección que axiña entenderon Tere Astorgano e Antonio Sanjurjo, fundadores de Traxandaina, o obradoiro lucense dedicado á investigación, restauración, recuperación, divulgación e confección do traxe tradicional galego, o aldeán de finais do século XIX e principios do XX, especialmente, o da provincia de Lugo. O que comezou sendo curiosidade —cunha intensa pescuda pola xeografía lucense, buscando teas ou testemuñas delas, como fotografías antigas—, converteuse en paixón ata que decidiron profesionalizarse hai dez anos como Traxandaina.
Así foron descubrindo as peculiaridades da roupa lucense, xa que «hai máis dun século sabíase de onde viña a xente pola vestimenta», explica Tere. Unha desas pezas características é o mandil de mostra ou mostril. Tamén destacan as lenzas, que cobren a saia, «unha auténtica xoia, e unha forma de diferenciar o estatus da muller que o levaba, segundo fora máis ou menos ornamentada, xa que iso significaba que a costureira tivera que pasar máis horas de traballo. Mantelos de picote podían ter, pero unha lenza non todas as mulleres a tiñan». Tamén é propia de Lugo a saia baixeira de tecido «picotiño», rasposo e teso, decorado cun zócalo vermello de pano de Segovia, que cren que podía funcionar como «ahuecador» da saia, xa que todas as pezas apareceron cunha lorza para mantelas máis tesas.
Con todo ese traballo de investigación, fan vestimentas por encargo, sempre respectando a tradición e o máis parecido ao orixinal. De feito, moitas veces pídenlles o traxe propio da súa zona, e as encargas chegan desde distintas partes do mundo. Utilizan urdimes de algodón e trama de la, a veces liños novos, pero nunca acrílico nin fan pezas de brocado, porque iso chegou despois da vestimenta tradicional.
Fundamentalmente, traballan con vestimentas femininas, xa que as masculinas perdéronse antes: «Os homes tiveron que saír das aldeas e nas cidades deixaban de usar o traxe aldeán», continúa Tere.